Thursday 16 de May de 2024

Información a veciñanza en San Sadurniño sobre o Coronavirus


Todo San Sadurniño está respondendo con extrema dilixencia á aplicación do plan autonómico de emerxencias, que supuxo o peche da hostalaría, superficies comerciais e establecementos de lecer, entre outros. Permanecen abertos aqueles establecementos definidos na orde publicada onte á noite no DOG nº 50Bis: tendas polo miúdo de alimentación, supermercados, quioscos, farmacias, estancos, gasolineiras…

Esta mañá o centro urbano presentaba unha imaxe de total normalidade dentro da situación excepcional na que nos encontramos. Ningún bar abriu esta mañá as súas portas, algo que se deixou notar especialmente no entorno da Casa do Concello, onde o peche do café Del Palacio -auténtico centro neurálxico da vida social- nos deixou unha imaxe moi distinta ao rebumbio de coches aparcados e clientela que se daría noutras circunstancias.

Por outra banda, na Cooperativa de Meirás atendíase á clientela sen aglomeracións e había existencias de practicamente todo, tanto fresco como envasado. Unha situación similar dábase noutros establecementos autorizados para permaneceren abertos, como por exemplo  Ultramarinos Pascual, a panadería Enxerto, Ultramarinos-Estanco Calvo ou a libraría Brétema. Nas parroquias, os bares tamén pechados e os establecementos que combinan tenda-bar funcionaban unicamente na parte referida a produtos básicos.

Á espera das novas medidas que decreten hoxe -e que coñeceremos na comparecencia de Pedro Sánchez prevista para despois das 14.00h.-, desde o Concello insístese no chamamento lanzado pola Xunta e o Estado para que non se fagan acopios masivos e innecesarios, de que se limiten ao imprescindible os desprazamentos e tamén as reunións de varias persoas.

Recordamos ademais as medidas básicas de hixiene: lavar ben as mans con xabón, esbirrar nun pano desbotable ou contra a parte interior do cóbado, non tocar os ollos ou o nariz e, de ter algún síntoma, evitar o contacto próximo con outras persoas.

Se alguén nota algún dos síntomas descritos para o coronavirus -febre, tose ou dificultade para respirar- debe manter a calma, non acudir ao hospital nin ao centro de saúde. En vez diso débese chamar ao teléfono de información 900 400 116.

Pídese que esta liña se empregue só se se teñen síntomas. Insistimos: só se se teñen síntomas, non para facer consultas xenéricas sobre a enfermidade e o seu avance que só conseguen que a atención telefónica se sature.

Para urxencias ou para o caso de que a sintomatoloxía curse de forma máis grave -algo que non é habitual se se goza de boa saúde ou se non se teñen outras afeccións respiratorias, cardíacas ou as defensas baixas- debe chamarse ao 061, onde nos indicarán como actuar e activarán de inmediato o dispositivo de atención.

Deixámosvos aquí os enlaces coa información que debemos coñecer todas e todos e, importante, #AnteTodoMoitaCalma e #EuQuedoNaCasa:

Web do SERGAS sobre o coronavirus: https://coronavirus.sergas.gal/

Web do Ministerio de Sanidade: https://www.mscbs.gob.es/…/alertasActual/nCov-China/home.htm

DOG nº50bis do 13/03/2020:
https://www.xunta.gal/…/…/2256/AnuncioG0244-130320-1_gl.html